A GLORIOSA RECONQUISTA DE VIGO NA PRIMEIRA PAXINA DE "THE TIMES"

NOTICIAS
 
 
 

En 1809, a Reconquista de Vigo foi noticia de primeira páxina en Londres. A batalla de Elviña, no mes de xaneiro, coa morte do xeneral John Moore, xa puxera a Galicia no primeiro plano da actualidade. E a victoria dos sublevados en Vigo foi un novo motivo de ledicia para os lectores británicos. Nos pubs de Londres chegaron a facerse cuestacións públicas para recadar cartos para a rebelión galega fronte a Napoleón. E as novas sobre Galicia serán unha constante en ‘The Times‘ ata máis aló da batalla de Ponte Sampaio, en xuño de 1809, coa expulsión definitiva do exército de ocupación francés.
 
Quince días despois de que Cachamuiña derrubase a porta da Gamboa, The Times publicaba un artigo na súa primeira páxina para eloxiar “a gloriosa reconquista de Vigo”. A noticia, datada o 14 de abril, é un auténtico editorial no que o xornal británico valora tamén a intervención de dous buques británicos: as fragatas ‘Venus‘ e ‘Lively‘- e destaca o valor dos galegos, nunha loita na que din que se incorporaron mesmo os ‘xubilados’.
 
Escribe o editorialista de The Times: “Non podemos deixar de repetir a gloriosa reconquista de Vigo, que certamente debe facer perigosa a situación das tropas francesas en Portugal. Non coñecemos mellor ocasión para regocijarnos máis na confirmación das nosas opinións, que con esta exhibición de ardente patriotismo no Reino de Galicia”.
 
O xornal británico eloxia o papel xogado en Vigo polos capitáns británicos Coutts Crawford e Mackinley: “O noso entusiasmo increméntase ao considerar que unha forza naval británica xogou un honorable papel na rendición de Vigo; e a nós confiáronnos  a salvagarda e custodia dos presos da guarnición capturados, que ascendían a mil trescentos homes”.
 
Os ingleses están realmente entusiasmados, porque á redacción de ‘The Times’ chegou mesmo unha copia da rendición asinada por Chalot en Vigo: “Recomendamos particularmente aos nosos lectores a lectura atenta dos artigos finais da capitulación; son a mellor estampa do que Inglaterra, nos seus días mellores, estaba afeita a ditar e Francia, a subscribir”.
 
O propio xornal londiniense recoñece que non tiñan moita fe ata que chegou a Reconquista de Vigo: “En referencia ao celo demostrado polos galegos, foi para moitos inesperado, pero produciu este feliz desenlace. Foi en grao sumo gratificante o espírito e a determinación dos españois para expulsar do seu país aos invasores, polo que deben considerarse xente valente e leal“.
 
‘The Times’ encomia a valentía dos voluntarios vigueses que loitaron na Reconquista, xente do común, paisanos sen formación militar: “Pensemos como poderiamos conseguir un pequeno número de tales homes para ser chamados a filas en calquera condado de Inglaterra. Debemos ser conscientes de que moitos destes mil cincocentos homes criados no Reino de Galicia deben ter tan ardente celo como para esquecerse das súas propias enfermidades en atención aos sufrimentos do seu país”.
 
A Reconquista de Vigo foi tamén tratada en varias sesións do Parlamento inglés, como exemplo de que era necesario intervir contra Napoleón na península Ibérica, xa que contarían co apoio popular.
 
Así que a rebelión en Galicia foi recibida con entusiasmo. E mesmo chegaron a organizarse en Londres recadacións públicas, para obter fondos para os “bravos soldados galegos”. Atopamos a noticia tamén na Biblioteca Británica, en ‘The Times‘, na súa edición do 23 de xaneiro de 1809. Aparece en primeira páxina, datada na  The City of London Tavern. “O Comité desexa informar ao público que se fixeron as compras dos artigos máis demandados polos soldados españois, en atención á cantidade recadada na subscrición popular”.
 
Había “bote” nas tabernas inglesas e tamén achegas con nome e apelidos. ‘The Times’ publica unha lista de subscritores, que tamén aparece exposta en City of London Tavern. “Non corresponde ao carácter do pobo británico abandonar a unha gran nación nunha época de necesidade tan grande”, afirma o diario, “confiamos en que o pobo británico participará nesta estratexia. Polo de agora, recadáronse 37.424 libras“. Era unha suma considerable para a época.
 
The Times tivera na Coruña destacado un corresponsal dende agosto de 1808 a xaneiro de 1809. Henry Crabb Robinson enviaba as novas sobre o exército de Sir John Moore, que eran devoradas polos lectores ingleses. Máis tarde, xa sen xornalistas sobre o terreo en Galicia, empregaban outras fontes para seguir informando. As veces publican noticias falsas, como que o Marqués de la Romana destacou un exército entre Vigo e Baiona para facer fronte aos mariscais franceses Soult e Ney (nova publicada en xaneiro de 1809). Pero outras veces teñen datos moi fiables.
 
A semana anterior á Reconquista, o 22 de marzo de 1809, ‘The Times‘ publica: “Foron recibidos informes de Intelixencia sobre unha insurrección no Noroeste de España. De acordo con estes partes, os paisanos da veciñanza de Vigo levantáronse e cercaron con éxito á tropas francesas”. O diario londiniense destaca o apoio dunha fragata inglesa aos vigueses: “Os patriotas recibiron unha gran subministración de mosquetes e munición polo capitán da Lively“.
 
Así que a ‘gloriosa reconquista de Vigo’ foi noticia de primeira páxina en ‘The Times’ hai dous séculos. E o valor amosado polos combatentes galegos chegou a conmover aos cidadáns británicos e ao seu parlamento.
 
Eduardo Rolland. Revista GCiencia
 
 
 
 

Comentarios